1/6/16

Rosario Hernández Diéguez, A Calesa

 
 Rosario Hernández Diéguez A Calesa (foto cedida pola familia)

"Era unha rapaza de ollos claros e mirada dóce, de ideiais firmes, deportista e solidaria. Tiña 20 anos cumpridos o 17 de febreiro de 1936. Vestía decote unha blusa vermella e un abrigo verde. Vivía cos pais nunha casa humilde da rúa do Pino e traballaba vendendo xornais na rúa do Príncipe, no portal da sociedade recreativa Gimnasio.

 Simpatizaba co partido socialista e gustaba de ir ás manifestacións e aos mítins, levar bandeiras nos desfiles do primeiro de maio, corear as consignas co puño erguido UHP UHP UHP... Vivía o feliz soño da primavera do 36, entre berros e sorrisos, cando aínda era posíbel a esperanza nas casas proletarias.


Cando o 20 de xullo chegaron os falanxistas e os militares rebeldes á Casa do Pobo de Vigo, seica saíu por unha fiestra e procurou agochos durante semanas. Nos últimos días de xullo e durante o mes de agosto sentiu todo o peso do terror que abalou a cidade, as novas que chegaban dos compañeiros asasinados en Alcabre e Lavadores, as torturas no Frontón, as violacións, as rapas. Sentiu o medo atravesarlle o corpo nas noites de insomnio, nas horas interminábeis de espera, de agonía.

Pasaron corenta días e tamén deron con ela. Fórona buscar á casa na que estaba agochada. Levaron preso o pai, que era ferroviario. A ela levárona ao cuartel da Falanxe, nun coche escuro, entre insultos e ameazas. Seica estivo presa tamén no Frontón, a onde a súa irmá maior Ramona lle levaba todos os días a comida. E palabras de alento, de coraxe, de rábia.

Até que a foron buscar. Aqueles rapaces de boa familia burguesa, valentes de alcool e de odio, ensañáronse coa rapaza que vían portando bandeiras vermellas nas manifestacións. 
Coa moza que berraba consignas revolucionarias e paseaba orgullosa os emblemas vermellos no corazón da cidade. Aquela moza fermosa e valente representaba todo o mal do mundo, o das mulleres rebeldes, comprometidas e solidarias. Un mal que había que arrincar de raíz, borralo da terra, facelo desaparecer durante xeracións.

Conta a memoria do pobo que a raparon e que a violaron. Que a someteron a horas de humillación, de burlas, de violencia covarde. Que a asasinaron e a mutilaron salvaxemente, que lle cortaron os peitos. E que para ocultar aquel crime horrendo, trasladaron o corpo nun barco e fondeárono amarrado a unha prancha de ferro nas proximidades das illas Cíes. 
(...) na inmensa foxa común que foi a ría de Vigo non houbo lápidas, nin flores, nin bágoas. Só ducias de cadáveres mutilados, acribillados, sepultados no fondo do mar amarrados a pandullos, a parrillas das conserva, a pranchas de ferro. Só o silencio interminábel da morte, a escuridade, a friaxe.
 
O corpo de Rosario Hernández Diéguez A Calesa nunca voltou. Mais agora é tempo de retorno para o seu nome. (...)"            (Non des a esquecemento, 18/05/16)

No hay comentarios: